16/6/08

A primeira promoción de PIN no IES Auga da Laxe

Está a piques de rematar o curso 2007/08, que supuxo a aparición dunha nova materia en 1º de ESO: Proxecto Interdisciplinar. No IES Auga da Laxe (Gondomar) cursaron este ano esa materia case 60 alumnos e alumnas da man de dúas profesoras: Concha e Cristina. A materia impartiuse na biblioteca do instituto a través de xogos de busca de información e de proxectos de investigación.

No 1º trimestre realizamos diferentes actividades que nos permitiron coñecer mellor a biblioteca e aprender a buscar información, tanto nos libros como en internet. A través de varios xogos de preguntas, tanto individuais como en grupo, o alumnado aprendeu que é a CDU, como están organizados os libros na sala, como se busca e como se cita un libro e como se busca un dato ou unha información. Nun deses xogos, o alumnado tiña que responder unha serie de preguntas para conseguir os logotipos dos Megatoxos en diferentes cores.

Coincidindo co 5º aniversario do accidente do Prestige, iniciamos o noso primeiro proxecto de investigación para que o noso alumnado, que daquela non tiña máis que sete anos, soubese máis cousas sobre o accidente e as súas repercusións sociais. Durante varias semanas, revisamos a prensa daqueles meses, lemos manifestos e artigos de opinión, vimos fotos e vídeos, consultamos información nos libros e en internet e fomos tomando notas que logo repasamos e elaboramos para poñer en común e escribir reflexións que quedaron finalmente plasmadas en tres paneis que acompañaron a exposición "O Prestige: un modelo enerxético insostible", que visitou o noso instituto no mes de febreiro de 2008.





No 2º trimestre, ademais de rematar ese proxecto de investigación sobre o Prestige, realizamos un pequeno xogo de busca de información sobre os diferentes alfabetos e sistemas de escritura do mundo, como complemento dunha actividade que o alumnado realizou na área de Lingua Castelá e Literatura. Iniciamos despois un novo proxecto de investigación sobre o cambio climático e as enerxías renovables que nos permitiu aprender moitas cousas sobre a tremenda presión que o ser humano está a exercer sobre os recursos do planeta e sobre as posibilidades que temos todos e cada un de nós de contribuír a reducir esa agresión. Divididos en grupos, investigamos sobre algunhas enerxías alternativas (solar, eólica, hidráulica e biomasa), analizando os beneficios e prexuízos de cada unha delas, para rematar achegándonos ao noso contorno máis próximo: o parque eólico que está proxectado na Serra da Groba. Para axudarnos a entender a importancia de optar por enerxías limpas sen destruír o noso patrimonio natural e arqueolóxico, recibimos a visita de Xosé Lois Vilar, presidente de SOS-Groba, quen nos explicou os argumentos desta asociación para opoñerse a ese proxecto de parque eólico.



No 3º trimestre, logo de rematar a investigación anterior, comezamos un novo proxecto -que non tivemos tempo de rematar- sobre os Xogos Olímpicos de Pequín 2008: principais características da China, unha pequena historia dos xogos olímpicos desde a antigüidade, os deportes olímpicos, as paraolimpiadas, o conflito do Tíbet, etc.

En resumo, en Proxecto Interdisciplinar fixemos un traballo intenso e diferente no que se trataron aspectos relacionados con varias áreas do currículo: Lingua Galega, Lingua Castelá, Ciencias Naturais, Xeografía e Historia, Educación Física... Algunhas reflexións do alumnado sobre o traballo desenvolvido nesta materia quedaron recollidas xa no blog da biblioteca, pero agora, no remate do curso, cando estamos a facer balanzo e avaliación, quixemos abrir este espazo propio no que o alumnado poderá facer unha valoración final que nos sirva para ir mellorando as estratexias de traballo para o próximo curso. Con esa vontade rematamos e desexámosvos unhas boas vacacións.